LA LINDE, 4-2015

Arqueología Pública:

 

DE APEIRO A SÍMBOLO. APROPIACIÓNS POPULARES DO PATRIMONIO EN GALIZA

Bruno Esperante Paramos*, arqueólogo 

 

*Doctorando del Grupo Histagra, del Departamento de Historia Contemporánea de la Universidade de Santiago de Compostela. 

Proyecto de investigación "La gran transformación tecnológica y social de las agriculturas ibéricas: Viejos, nuevos y novísimos paradigmas.

1950-2000" Referencia del proyecto: HAR2013-47934-P.

 r

Veso de modelo Brabant. Producido por Aranzabal S.A. (Santiago Mouriño, Trasouteiro [Brión], 6/4/2013. Fonte: elaboración propia).

 

RESUMO.- Neste artigo tratamos de analizar unha nova forma de apropiación do patrimonio popular en Galiza. Cada vez restaurase e recuperase máis maquinaria agrícola, polo que queremos coñecer o que isto significa, tanto como un novo símbolo de memoria para a clase labrega galega, como os seus efectos sobre o discurso dominante do patrimonio.

PALABRAS CLAVE.- Tecnolxía agraria, patrimonio popular, memoria agraria, clase labrega.


ABSTRACT.-The aim of this article is to analyze a new form of appropriation of popular heritage in Galicia. As restoring and recovering farm machinery is more common every time, we want to know what this means, either as a new symbol of memory for the Galician peasantry or their effects on the dominant discourse of the heritage.

KEY WORDS: Agrarian technology, popular heritage, agrarian memory, peasantry



 

Dende fai algo máis dun ano veño estudando unha particular apropiación do patrimonio popular en Galiza1. Trátase dun fenómeno de plena popularidade, xa que son moitas as familias, pero tamén algúns negocios privados os que exhiben nas beirarrúas, xardíns ou portais das casas, maquinaria agrícola restaurada, pintada e decorada.


A novidade da cuestión é o tipo de maquinaria que se restaura. Os modelos redúcense a catro tipos fundamentalmente, vesos, sachadoras, sementadoras e en menor medida, grades de dentes. Trátase de tecnoloxía agraria que pertence á última fase da agricultura orgánica en Galiza. É pois maquinara de produción industrial na súa maior medida, aínda que puidemos constatar diversos casos e modelos de produción artesanal, é dicir, feitos por ferreiros locais. Este é o primeiro dato importante que temos que ter en conta, pois non é maquinaria artesanal, senón que pertence á segunda onda da industrialización da agricultura galega, aquela que vai dende o 1890 e remata subitamente na década dos corenta co apagón tecnolóxico do franquismo2. A orixe industrial desta maquinaria supón pois unha novidade dentro do panorama típico do patrimonio agrario en Galiza, xa que as referencias e os símbolos patrimoniais sempre se relacionan con obxectos artesanais, ou de antigos oficios de carpinteiros, sexan cestos e carros, ou canteiros en relación ós hórreos.


Outra das características é o suxeito que patrimonializa, é dicir, o quen. Neste caso, non cabe dúbida ningunha de que estamos perante unha forma popular do patrimonio. A maior parte das apropiacións son feitas por parte de particulares, e non por parte das institucións do patrimonio que usan os museos como espazos ilustrados para socializar de arriba cara a baixo o patrimonio histórico-cultural. Neste caso é a propia sociedade a que constrúe a figura patrimonial dende abaixo. Ante estas circunstancias, como poderíamos darlle unha explicación a todo isto?


eduardo bertamirans 2 r
Sachadora posiblemente de marca Ajuria S.A. (Eduardo Fernández, Bertamiráns [Ames], 22/6/2014. Fonte: elaboración propia).


Para analizar este fenómeno máis de cerca diriximos as nosas pescudas cara a investigación da orixe e vida útil destes apeiros agrícolas. Noutras palabras, moito traballo de campo e Historia Oral para coñecer todo acerca desta maquinaria, tipoloxía, orixes, usos e abandono. Todo isto co obxectivo de comprender mellor por que hoxe en día se sacan da escuridade da historia e se restauran, píntanse, colocase nunha parte bonita do xardín e póñenselle flores. Quizais parte da explicación teña que ver pola maquinaria que a veu a substituír. O seu abandono produciuse pola industrialización da agricultura. Estes apeiros de tracción animal foron substituídos polas enerxías non renovables, os motores de combustión e os tractores. Na fin, ¡era a Revolución Verde coas súas grandes expectativas ante ós límites da Agricultura Orgánica! As agriculturas do mundo intensificáronse xunto coa galega. Así as cousas, a agricultura de ser a principal actividade económica comezou a experimentar un largo declive ate se converter hoxe en día nunha actividade minoritaria fronte ó sector industrial ou servizos.


Estas transformacións traducíronse nuns cambios substanciais da propia sociedade. De feito, a investigadora Alba Díaz Geada3 ven de publicar a súa tese recentemente centrada no estudo destas devanditas mudanzas. Sabemos que o abandono masivo desta maquinaria prodúcese ó abeiro da industrialización tardía da sociedade galega, ó igual que afectou a outras agriculturas nas que se consolidou a motorización do campo.


IMG 3718 r
Sementadora de marca Ajuria S.A. (Anónimo, Nantón [A Baña], 18/5/2013. Fonte:Elaboración propia).


Neste senso, Galiza, o pais labrego e eminentemente rural comezou a deixar de selo ante esa terceira onda industrializadora da que falabamos e que expulsou tanta man de obra da agricultura. A desagrarización da sociedade foi un dos seus efectos, outro resultado foi un aumento da emigración cara Europa, sendo Alemaña, Gran Bretaña ou Suiza os destinos máis atractivos desta.


Estes trebellos que para as xeracións máis novas non significan nada, acumulaban po e anos nalgunha parte do pallal das casas, ou nalgunha outra parte na que non estorbaran. Non tiñan valor ningún máis alá do valor económico que lembraban aqueles que o tiñan mercado, por iso non se tiraba. Anos máis tarde chegou o momento no que alguén deveu reparar nesa sachadora familiar que tiñan tirada na casa. Podemos imaxinarnos aquel mozo que traballou con seu pai o campo cunha sementadora como a que acabamos de ver. Os seus pais comentaríanlle o tanto que lle custou, o orgullo de tela comprado e a boa imaxe que daba ante a comunidade. Porén, o traballo no campo non bastaba para satisfacer as expectativas de vida dese mozo, polo que un dia colleu as maletas, deixou o campo e foise a Suiza a traballar na construción ou na hostalería. Cando chegou o momento da xubilación ese mozo volveu o fogar que deixara, onde reparou nesa sementadora que tiña comprado seus pais. Nese instante, ante as lembranzas que o invadían observando a sementadora no pallal, un bo día decidiu pasarlle unha auga, unha lixa, un pouco de pintura e colocala de forma orgullosa diante da súa casa.


Sin entre BERTAMIRNS sachadora r
Sachadora sen marca na parte inferior dereita da foto (Anónimo, Bertamiráns [Ames],17/5/2013. Fonte: elaboración propia).


É certo que esta última descrición é un caso imaxinario, pero é unha hipótese de traballo que nos vale para explicar a utilidade e o significado que adquiren este novo patrimonio agrario e popular. As persoas que maioritariamente restauran esta maquinaria non se dedican xa ás actividades agrarias, e comparten idades de entre corenta e sesenta anos. A primeira man todo o mundo comprende o valor simbólico e de memoria que contén este obxecto, mais o interesante é analizar todo o seu alcance, analizar todo o seu contido e todas as súas dimensións como un obxecto de estudo histórico.


A nosa identidade defínea a nosa relación nun conxunto. Maurice Halbwachs4 definíao moi ben co exemplo do grupo do alumnado e o profesor. Este último tendía a non lembrar nada pola desvinculación co grupo, namentres que os alumnos si que lembraban as cousas da clase por vinculación a un conxunto, a unha memoria e unha identidade colectiva. Ademais disto, sentimos a necesidade de apoiar as nosas identidades en obxectos de memoria. Máis dun problema psicolóxico ben acompañado dunha especie de perda de contacto entre o noso pensamento e as cousas, da incapacidade de recoñecer obxectos familiares, de tal xeito que nos atopamos perdidos nun medio estraño e cambiante, onde nos faltan puntos de apoio. Por isto, cada obxecto, cada detalle ou aspecto dun lugar ten un determinado e único sentido que só poden comprender os membros dun determinado grupo social.


herminio canta r
Veso de modelo Brabant. Producido por Ajuria y Aranzabal S.A. (Herminio Vieito, Cantalarrana [A Baña], 7/6/2014. Fonte: elaboración propia).


Ante este razoamento de Halbwachs, pensamos que quizais poderíase entender esta apropiación dende a perspectiva dun obxecto de memoria, un espazo de memoria creado por aqueles que o usan para elaborar unha identidade, reforzala ou tela máis presente que nunca nun contexto alleo. E dicimos alleo no contexto da actual desagrarización social, ou tamén dito, ante o contexto da sociedade “terciarizada” do século XXI. É aquí cando resulta significativo a vinculación desta apropiación patrimonial cos efectos sociais da Revolución Verde. Como dixemos, o inicio desta e o fin da Agricultura Orgánica supuxo non só o fin do uso desta maquinaria, senón que tamén o inicio dos procesos de descapesiñización das chamadas sociedades “occidentais”. Por iso resulta lóxico que sexa precisamente hoxe en día, no punto álxido da Revolución Verde e os seus problemas: limites sustentables, soberanía alimentaria; cando os descendentes daqueles labregos recuperan símbolos de identidade e constrúen espazos de memoria agraria.


Baptom Devon UK 26 NOVEMBRO 2013 XIAN r
Veso de modelo descoñecido, Baptom (Devon), Inglaterra, 26/11/2013 (fonte: Cedida por Xián Liñares.


A recuperación deste tipo de maquinaria non se dá só en Galiza. Polo que sabemos, a rexión do Eo-Navia en Asturias, así como tamén no Bierzo, ou incluso na rexión de Viana do Castelo (Portugal), cantón de Zurich (Suiza), condado de Devon (Inglaterra), rexión de Occitania (Francia) ou en Dublín (Irlanda); danse máis casos de apropiación popular desta maquinaria. Nembargante, cabería diferenciar as explicacións segundo a experiencia histórica de cada rexión. No caso galego a apropiación popular ven a rachar ademais como xa mencionamos, co estereotipo do discurso patrimonial dominante. O excesivo peso do mito do atraso da agricultura galega choca directamente con esta manifestación de modernidade tecnolóxica. A tradición interpretativa do patrimonio agrario que se enraíza na etnografía de inspiración franquista, creou unha imaxe patrimonial na que non queda espazo para este tipo de patrimonio. A ruptura que supón a Guerra Civil habería que estudala aquí no eido da memoria agraria esquecida e que se quixo conservar, xa que como parte dos logros do franquismo estaría a modernización e industrialización da agricultura galega. ¡Como se non existise modernidade antes!, deste xeito, poderíamos explicar porque no discurso da memoria agraria que aínda domina non se comprenda este tipo de patrimonio.


O discurso desta memoria agraria ilustrada construíu en base ó mito do atraso a súa propia imaxe do patrimonio agrario galego, un bo exemplo disto podémolo ver no seguinte cartel político.


Aurea Ponte PEREIRA sementadora 2 r
Sementadora de caixón de madeira (Áurea Ponte, A Pereira [Santa Comba], 27/3/2013. Fonte Elaboración propia).


Alianza Popular ó inicio da democracia facía uso do discurso folclorista que nos recorda aquilo do bo salvaxe interior, o patrimonio agrario galego estaría conformado por un montón de cousas feitas a man. Por iso a maquinaria recuperada hoxe en día racha nesa estampa tradicional. De súpeto, no medio desa foto que nos lembra a unha agricultura antiquísima, de artesanía, de canteiros, inclúese algo feito por un obreiro industrial, un veso ou unha sachadora de fundición en fábrica, algo grotesco dentro desa estampa anódina e anxelical do campo. A fotografía idílica forma parte dese discurso dominante ao que nos acostumaron, máis e sobre todo coas políticas folclóricas do franquismo que impulsou a moda dos bailes e traxes rexionais. A novidade, pois, xurdiría tamén na irrupción desta nova forma patrimonial e na transformación do discurso patrimonial agrario en Galiza.

 

53639e2e41e38-cartellcedoc 2119 r

Cartel electoral de Alianza Popular (fonte: Biblioteca de Comunicació i Hemeroteca General da Universidade Autónoma de Barcelona).


Xa para ir rematando e para recompilar, poderíamos facer fincapé na idea de que o que a simple vista é unha recuperación de maquinaria agrícola, pode significar moito máis do que alguén poida supoñer coma un obxecto decorativo. De feito, non acreditamos diso da arte polo arte, tendendo a pensar sempre no significado social e no que representa realmente en relación cun conxunto de circunstancias. No caso desta apropiación patrimonial, parécenos evidente o papel que xoga na actualidade como un obxecto de memoria que nos fala dun pasado e unha identidade labrega. Máis aínda se temos en conta a actualidade social urbanizada, con serios problema de sustentabilidade ambiental e unha clase labrega en plena reconfiguración. Por último, pero non por iso menos importante, está a cuestión da transformación do discurso patrimonial agrario en Galiza. E é que parece ser este un caso apropiado para falar precisamente de apropiación populares do patrimonio. Nós, a súa vez debemos de analizar estas circunstancias no canto de darlle un explicación razoable e xustificada a este tipo de fenómenos, xa que, coma os castros, ata que alguén non os analizou e dixo que eran patrimonio histórico, os paisanos utilizábanos como canteiras de pedra.

 

Notas:

1. Este artigo de opinión está feito en base a un traballo de final do Máster Interuniversitario de Historia Contemporánea, publicado na Universidade de Santiago de Compostela en xullo do ano 2014, e co seguinte título: Representacións populares e ilustradas da tecnoloxía agraria da segunda onda da industrialización (1890-1940). Patrimonio, memoria e identidade labrega a través da súa musealización popular en Galiza hoxe.

2. FERNÁNDEZ PRIETO, L: El apagón tecnológico del franquismo: estado e innovación en la agricultura española del siglo XX. Valencia, Tirant lo Blanch, 2007.

3. DÍAZ GEADA, A.: Mudar en común, cambios económicos, sociais e culturais no rural galego do franquismo e da transición (1959-1982). Tese da autora, Universidade de Santiago de Compostela, 2013.

4. HALBWACHS, M.: La memoria colectiva. Zaragoza, Prensas universitarias de Zaragoza, 2004.

 

 

Vuelta al Índice

 

Deja tus comentarios

0
Faltan claves reCAPTCHA
terminos y condiciones.
  • No se han encontrado comentarios
Joomla 3.0 Templates - by Joomlage.com